Necesita el Flash Player y activar Javascript.
 FUNDACIÓN Presentación
Necesita el Flash Player y activar Javascript.
A Fundación para a Innovación, a Educación e o Desenvolvemento Deportivo, Social e Cultural, Azkar Lugo nace como froito do compromiso e das inquietudes dun grupo de empresarios para crear na Comunidade Autónoma de Galicia un centro deportivo que sexa referente no conxunto do Estado español e no que se xunten a formación deportiva e intelectual dos mozos que estean tutelados por esta Fundación.

Pero, ademais dos aspectos intrinsicamente deportivos, tamén se pretende desenvolver unha importante actividade nos ámbitos social e cultural que redunde en beneficio do conxunto da sociedade galega en xeral, e dunha forma máis particular na lucense, por ser na capital desta provincia onde estará situada a Cidade Deportiva que se construirá para estes fins.

A construción desta Cidade Deportiva será clave para acometer, con plenas garantías de éxito, os obxectivos da Fundación. Para iso non se escatimarán esforzos, co fin de dotar dunhas instalacións acordes á magnitude do proxecto. Nunha superficie de preto de 80.000 metros cadrados, preténdese construír, nunha primeira fase, ao redor de 15.000 metros cadrados.

As instalacións de que constará nesta primeira fase a Cidade Deportiva serán as seguintes: pavillón polideportivo pechado con 2 pistas múltiples, 6 vestiarios, vestiario para árbitros, 1 piscina climatizada, 2 piscinas externas, ximnasio, spa, zona para fisioterapia e rehabilitación, salón de actos cun auditorio para 240 persoas, residencia para estudantes (con 60 cuartos nesta primeira fase), cafetería-bar restaurante e edificio para oficinas. O complexo deportivo disporá, ao mesmo tempo, de amplas zonas verdes.

Sabido é que o deporte, dende as súas primeiras manifestacións, sempre foi un importante elemento de cohesión entre os que o practican e converteuse en obxecto integrador, de tal forma que o resultado da súa práctica é unha expresión cultural que rompe as barreiras que puidesen existir de índole xeográfica, relixiosa, ideolóxica ou idiomática, por citar algunha delas. E son precisamente estes valores os que a nosa Fundación quere aproveitar para conseguir, na medida do posible, facer unha sociedade máis xusta e solidaria, ao tempo que se pretende traballar cuns mozos que entendan que a disciplina, o sacrificio e o esforzo nun ámbito de vida sa e saudable contribuirán a formalos cuns bos hábitos de vida de cara ao futuro.

O ámbito de actuación desta Fundación non se circunscribirá só á Comunidade Autónoma de Galicia, senón que se intentará estender a toda a península Ibérica. O principal obxectivo será o de fomentar a práctica e a promoción do deporte en todos os seus ámbitos e especialidades, así como impulsar a cultura e a tradición das actividades lúdico-deportivas. Outro dos seus fins fundamentais será a protección e promoción do deporte base e da canteira.

Segundo se recolle nos estatutos da Fundación, para a consecución dos obxectivos mencionados, poderá levar a cabo, entre outras, as seguintes accións:

  • Protexer e promover o deporte de base e da canteira.
  • Investigar, difundir e promover métodos e técnicas favorecedoras dunha maior calidade e unha mellora no desenvolvemento do deporte, co fin de conquerir un óptimo rendemento deportivo.
  • Fomentar a protección, difusión e promoción do Patrimonio e a Historia do fútbol sala.
  • Servir de nexo de unión na organización de eventos deportivos entre as institucións e o tecido asociativo galego.
  • Fomentar e facer promoción das actividades deportivas, culturais e sociais con colectivos en risco de exclusión social.
  • Fomentar e organizar cursos de formación en colaboración con institucións públicas e privadas.
  • Acompañamento, intervención e apoio de proxectos de interese provincial, autonómico e estatal.
  • Xestionar actividades e instalacións deportivas directamente ou a través de convenios.
  • Investigar, difundir e promover métodos e técnicas favorecedoras dunha maior calidade e mellora na xestión e desenvolvemento de entidades que utilicen o deporte como medio de educación e integración.
  • O ensino e a promoción de actividades deportivas e de ocio.
  • Construción dunha Cidade Deportiva.